Fundamentos de Economía: Sector Público, Políticas Económicas e Sistema Financeiro

O Sector Público e a Economía

O Sector Público: Estrutura e Funcións

O Sector Público encárgase de regular a actividade económica dun país, tomando decisións que afectan o conxunto da sociedade co fin de aumentar o benestar social, buscando eficiencia, estabilidade e equidade coas súas actuacións. O Sector Público non só é o Estado, senón que está formado por distintos organismos:

Estrutura do Sector Público

  • Administracións Públicas
    • Central

      O núcleo de poder do país, engloba o Estado, que inclúe o Goberno e os ministerios, elabora as leis para todos os cidadáns, constrúe e encárgase da Defensa Nacional.

    • Territorial
      • Comunidade Autónoma: O Goberno dá competencias ás comunidades para que poidan lexislar en diferentes ámbitos, como por exemplo en educación ou sanidade.
      • Local: Inclúe as deputacións e os concellos.
  • Organismo Autónomo

    Seguridade Social: Encárgase de ofrecer sanidade de forma gratuíta para todos os cidadáns.

  • Empresas Públicas

    Aquelas nas que o capital pertence na totalidade ou na maior parte ao Sector Público. O propietario é o Sector Público. Ex: RTVE, Loterías…

Funcións do Sector Público

  • Función Reguladora

    Encárgase de elaborar leis, normas e procedementos para regular a actividade económica do país. Exemplo: coa COVID-19 establécense leis, por exemplo, horarios para saír.

  • Provedor de Bens e Servizos

    Encárgase de producir e ofrecer bens e servizos públicos para todos os cidadáns, como defensa, xustiza, educación, sanidade.

  • Fiscal

    Establece e cobra impostos como o IRPF, o IVE e o Imposto de Sociedades (IS).

  • Redistributiva

    Modifica a distribución da renda e da riqueza co fin de reducir a desigualdade. Esta función lévase a cabo ofrecendo axudas a quen as necesita, por exemplo, as bolsas de estudos.

  • Estabilizadora

    Encárgase de elaborar as políticas económicas co fin de conseguir os obxectivos macroeconómicos de crecemento, pleno emprego, estabilidade de prezos e equilibrio exterior. Para iso debe controlar as variables macroeconómicas.

Políticas Económicas: Tipos e Obxectivos

As Políticas Económicas son a forma que ten o Sector Público para intervir na economía co fin de conseguir os obxectivos macroeconómicos de crecemento, pleno emprego, estabilidade de prezos e equilibrio exterior, regular os fallos de mercado e conseguir un crecemento sostido a longo prazo.

Os tipos de políticas en función do horizonte temporal son:

Políticas Conxunturais

Buscan efectos a curto prazo (menos dun ano) co obxectivo de lograr crecemento económico, pleno emprego, estabilidade de prezos e equilibrio exterior, así como regular os fallos de mercado.

  • Política Fiscal

    Obxectivo macroeconómico: busca regular a actividade económica do país, suavizando os ciclos económicos. Instrumentos: recadación de impostos e gasto público.

  • Política Monetaria

    Obxectivo macroeconómico: Estabilidade de prezos. Busca a estabilidade de prezos para evitar a perda de poder adquisitivo dos cidadáns. Instrumentos: tipos de xuro (prezo do diñeiro), cantidade de diñeiro na economía.

  • Política de Renda

    Obxectivo macroeconómico: a estabilidade de prezos. Instrumentos: regular os salarios, establecer salarios máximos e mínimos, controlar os prezos dos produtos máis inestables.

  • Política Exterior

    Obxectivo macroeconómico: busca que exista un equilibrio no comercio internacional con outros países. Instrumentos: tipo de cambio da moeda, restrinxir as importacións e fomentar as exportacións.

Políticas Estruturais

Buscan o crecemento económico a longo prazo. Buscan incrementar a produción potencial da economía actuando sobre a oferta agregada.

  • Reformar un Sector Económico

    A PAC (Política Agraria Común) inclúe medidas estruturais de modernización do sector agrícola, co fin de garantir o abastecemento dos produtos agrícolas a toda a poboación, con unhas condicións dignas para os labregos.

  • Potenciar o Desenvolvemento dun Territorio

    A través dos investimentos en estradas con boa conexión.

  • Reformas Básicas

    Como as reformas laborais.

  • Mellorar o Funcionamento do Mercado

    Vela pola libre competencia dos mercados e por unha flexibilidade de prezos.

  • Privatizar Empresas Públicas

    Trátase da compra de empresas públicas por parte do sector privado co obxectivo de mellorar a súa eficiencia.

  • Nacionalizar Empresas Privadas

    O Sector Público compra empresas privadas co obxectivo de seguir subministrando un ben ou servizo que non é rendible para unha empresa privada que busca maximizar os beneficios.

  • Elaborar Plans con Obxectivos a Longo Prazo

    Como os ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible).

Orzamentos Xerais do Estado (OXE)

Para levar a cabo as súas funcións, o Estado precisa diñeiro e, unha vez que o ten, debe decidir canto dedica a cada parte.

A base da economía é a escaseza de recursos, o que leva a ter que escoller como distribuír eses recursos escasos. Ao Sector Público ocórrelle o mesmo: conta cun orzamento limitado e debe escoller. Os OXE son un documento importante para os cidadáns, xa que nos informa dos impostos a pagar e de como o Sector Público vai gastar o diñeiro.

Ingresos do Sector Público

Cando falamos dos OXE, referímonos a previsións de ingresos, pois non sabemos con exactitude o que se vai ingresar. Faise en relación aos ingresos do ano anterior e en función das previsións de crecemento económico para o seguinte ano. Consta de varias partidas, as máis importantes son:

  • Cotizacións á Seguridade Social

    Dos traballadores e das empresas.

  • Tributos
    • Taxas

      Son pagos por algún servizo que realiza o Sector Público; recíbese algo a cambio desa taxa, por ex. a taxa que pagamos ao renovar o DNI.

    • Impostos

      Son obrigatorios e non recibimos nada a cambio de forma directa, senón que se destinan a educación, sanidade…

      • Impostos Directos: Páganse en función do que gaña a persoa ou a empresa:
        • IRPF: É o que maior recadación supón para o país, é un imposto progresivo.
        • Imposto de Sociedades (IS): As empresas deben pagar unha porcentaxe polos seus beneficios; neste momento é do 25%.
      • Impostos Indirectos: Non dependen da situación económica dos individuos. Todos o pagamos por igual:
        • IVE: Cada vez que compramos un ben ou un servizo debemos pagar o IVE; as empresas encárganse de recadar o IVE para darllo posteriormente ao Sector Público.
        • Impostos Especiais (IE): Aplícanse sobre bens escasos (gasolina, electricidade) ou sobre bens con consumo nocivo (alcohol, tabaco…).

    Gastos do Sector Público

    As partidas máis importantes por volume son:

    • Protección e Promoción Social

      Case un 60% do gasto vai destinado a esta partida, que inclúe o pago de pensións, prestacións por desemprego, fomento do emprego.

    • Actuacións de Carácter Xeral

      Case un 30% e inclúe as transferencias que fai ás CCAA e aos municipios, así como o pago de débeda pública.

    • Actuacións de Carácter Económico

      Inclúe os gastos en infraestruturas como pontes e estradas, así como gastos en I+D.

    • Servizos Básicos Públicos

      Inclúe os gastos en servizos públicos para a poboación, como a xustiza e a defensa.

    • Bens Públicos de Carácter Preferente

      Inclúense os gastos de sanidade.

    O Saldo Orzamentario e a Débeda Pública

    Saldo orzamentario = Ingresos – Gastos.

    • Se o saldo orzamentario é cero, os ingresos son iguais aos gastos, e temos equilibrio orzamentario.
    • Se os ingresos son maiores aos gastos, temos superávit público.
    • Se os gastos son maiores aos ingresos, temos déficit público. Entón, o Estado terá que conseguir máis diñeiro, ben aumentando os ingresos ou ben pedindo diñeiro prestado:
    • Subindo os impostos: Desta maneira aumentan os ingresos, pero ten un efecto negativo no crecemento económico.
    • Emitir débeda pública: É a maneira en que o Estado pide diñeiro prestado a particulares, empresas ou outros países.

    Os efectos negativos da débeda pública son:

    • Intereses elevados: Se o Sector Público se endebeda, terá que facer fronte ao pago de intereses nun futuro, o que o leva a máis gastos e a seguir endebedándose. Ademais, os gastos que van para intereses non se están destinando a outros fins, como por exemplo a sanidade ou a educación.
    • Efecto expulsión da débeda: Os tipos de interese deben ser atractivos para que os investidores estean interesados na compra, o que faría que non estivesen interesados en investimentos privados, pois serían menos rendibles. Por outro lado, se a débeda a venden os bancos, pode que estes utilicen os seus recursos para comprala e entón estarían reducindo o financiamento ao resto de axentes (familias e empresas), reducindo o investimento e o consumo.
    Tipos de Déficit Público

    Cando oímos falar de DÉFICIT PÚBLICO, debemos ter en conta que hai dous tipos:

    • Déficit cíclico ou conxuntural: É o déficit que se xera en momentos de recesión debido a un maior gasto público.
    • Déficit estrutural: Non está asociado a ciclos económicos, senón que hai un desequilibrio permanente nas contas do Sector Público e que hai que corrixir, pois xera importantes problemas a nivel económico.
    Prima de Risco

    A PRIMA DE RISCO son os intereses que paga de máis o Estado pola súa débeda pública. Será maior canto maior sexa o risco do país, pois ante a incerteza, os investidores esixirán maiores xuros.

    Política Fiscal: Instrumentos e Impacto

    A POLÍTICA FISCAL son as medidas que leva a cabo o Sector Público, utilizando como instrumentos os impostos e o gasto público co fin de conseguir os obxectivos macroeconómicos. A política fiscal é unha política conxuntural que se centra en actuar sobre a DEMANDA AGREGADA. O Sector Público pode facer crecer a demanda agregada de dúas maneiras:

    DA = PIB = C + I + G + X – M

    Impacto na Demanda Agregada

    • Maneira Directa

      O gasto público (G) é un dos compoñentes da DA, polo que se o Sector Público aumenta o seu gasto, aumenta a DA.

    • Maneira Indirecta

      O Sector Público pode aumentar a DA, influíndo no consumo (C) e no investimento (I):

      • Aumenta o consumo (C) das familias realizando transferencias en forma de bolsas, axudas, prestacións, ou ben reducindo os impostos que as familias deben pagar.
      • Aumenta o investimento (I) das empresas, realizando transferencias como axudas ou subvencións, ademais de reducir os impostos que estas deben pagar.

    Tipos de Políticas Fiscais

    En función da fase do ciclo na que nos atopemos, o Sector Público pode utilizar os seus instrumentos á alza ou á baixa para suavizar as flutuacións, así aplicará:

    • Políticas Fiscais Expansivas

      En épocas de recesión: Aumentando o gasto público (dando axudas a familias e empresas). Reducindo os impostos (tanto ás familias como ás empresas).

    • Políticas Fiscais Restritivas

      En épocas de expansión, o Sector Público pode: Reducir os gastos públicos (reducindo axudas). Aumentar os impostos (tanto ás familias como ás empresas).

    Presión Fiscal

    A PRESIÓN FISCAL: Os servizos públicos páganse cos impostos, que deben xestionarse ben. A presión fiscal mide os impostos en relación ao PIB e varía segundo o país.

    Economía Somarxida e Fraude Fiscal

    A economía somerxida e o fraude fiscal consisten en non pagar os impostos que se deben, o que prexudica aos servizos públicos e á economía. A Axencia Tributaria contrólao e pode ser delito se supera certa cantidade.

    O Diñeiro e o Sistema Financeiro

    O Diñeiro: Concepto e Evolución

    Definición de Diñeiro

    Diñeiro: Todo medio de pago xeralmente aceptado pola sociedade.

    Tipos Históricos de Diñeiro

    • Diñeiro Mercadoría

      Usábanse bens con valor de uso como medio de pago (gando, cunchas, metais preciosos). Para ser diñeiro, tiñan que ser transportables, duradeiros, divisibles, homoxéneos e escasos. Os metais foron os máis usados, dando lugar á cuñaxe de moedas co valor segundo o seu contido en ouro, prata ou bronce.

    • Diñeiro Papel

      Xurdiu na Idade Media cos ourives, que entregaban recibos a cambio de custodiar metais. Estes recibos foron usados como medio de pago. No século XVII, os bancos substituíron aos ourives e comezaron a emitir billetes. Finalmente, só un banco central puido emitir billetes.

    • Diñeiro Fiduciario

      Hoxe o diñeiro non é convertible en ouro. Créao o banco central e funciona pola confianza e aceptación legal.

    Funcións do Diñeiro

    • Medio de cambio: Facilita o intercambio.
    • Depósito de valor: Permite aforrar.
    • Unidade de conta: Mide o valor dos bens e servizos.

    Oferta e Demanda Monetaria

    Oferta Monetaria

    É a cantidade total de diñeiro que circula nunha economía. Inclúe:

    • Tipos de Diñeiro
      • Efectivo en mans do público: Billetes e moedas que teñen as persoas ou empresas.
      • Depósitos bancarios:
        • Á vista (contas correntes): Dispoñibles en calquera momento, sen remuneración.
        • De aforro: Dispoñibilidade limitada, non se usan cheques.
        • A prazo: Comprométese a non retirarse antes dun tempo → dan máis xuros.
    • Cuasidiñeiro
      • Cartos investidos en títulos a curto prazo (obrigacións, débeda pública).
      • Son moi líquidos e con pouco risco.

    Demanda de Diñeiro

    É a cantidade de diñeiro que a xente quere ter no seu poder.

    • Motivos para Demandar Diñeiro
      • Para transaccións: Cubrir pagos cotiáns.
      • Por precaución: Por se hai gastos imprevistos.
    • Factores que Afectan a Demanda
      • Nivel de prezos: Se os prezos soben, precisamos máis cartos para mercar.
      • Tipo de xuro: Canto máis altos os xuros, máis interesa investir e menos ter diñeiro parado.
      • Risco e expectativas: En situacións de incerteza, a xente prefire gardar diñeiro en vez de investir.

    Diñeiro Bancario e a súa Creación

    Diñeiro bancario: Depósitos creados polos bancos cos cartos dos clientes.

    Creación de Diñeiro Bancario

    Os bancos gardan unha parte dos depósitos (coeficiente de caixa, 2%) e prestan o resto, xerando novos depósitos e préstamos nun ciclo continuo.

    Multiplicador do Diñeiro

    Cartos totais creados = Depósito inicial × 1/coeficiente de caixa.
    Multiplicador bancario = 1/coeficiente de caixa.

    Sociedade de Garantía de Depósitos

    Institución que garante a devolución parcial dos cartos se un banco ten problemas, reforzando a confianza da xente nos depósitos.

    O Prezo do Diñeiro: Os Xuros

    O prezo do diñeiro son os xuros, compensación polo uso do diñeiro prestado. Dependen do tempo, risco e perda de valor (inflación).

    Definición de Xuro

    Un xuro é o diñeiro que se paga ou se cobra por usar cartos que non son teus.
    Se pides un préstamo, pagas xuro.
    Se prestas cartos, cobras xuro.
    É como un “alugueiro” polos cartos.
    Por exemplo, se pides 100 € e devolves 105 €, os 5 € son o xuro.

    Determinación dos Xuros

    O BCE fixa o tipo de xuro de referencia. Os bancos aplican tipos superiores ou inferiores segundo:

    • Prazo da operación: A máis longo, máis xuro.
    • Risco: A máis risco, máis xuro.
    • Liquidez: A máis fácil de recuperar, menos xuro.

    Inflación: Causas e Efectos

    Definición de Inflación

    Inflación: É a suba continua e xeneralizada dos prezos. O valor do diñeiro depende do que se pode comprar con el.

    Índices de Prezos

    O máis usado é o IPC (Índice de Prezos ao Consumo), que mide a evolución dos prezos dunha cesta de bens.

    Clases de Inflación

    • Moderada: < 2-3 %.
    • Galopante: > 10 % anual.
    • Hiperinflación: > 100 % anual, con perda total de control dos prezos.

    Causas da Inflación

    • Inflación de demanda: Cando se demanda máis do que se pode producir.
    • Inflación de oferta: Aumento do prezo polo aumento dos custos de produción.

    Efectos da Inflación

    • Incerteza: Dificulta a toma de decisións e frea o investimento.
    • Menor competitividade internacional: Os produtos nacionais encarécese.
    • Distribución desigual da renda:
      • Aforradores e prestamistas, pensionistas e funcionarios → prexudicados.
      • Debedores e posuidores de bens patrimoniais → beneficiados.

    Sistema Financeiro e Intermediarios

    O sistema financeiro conecta oferentes e demandantes de diñeiro.

    Intermediarios Financeiros Bancarios

    Crean diñeiro bancario, reciben depósitos e prestan cartos. Tipos:

    • Bancos

      Sociedades privadas con fins lucrativos.

    • Caixas de Aforro

      Entidades sen ánimo de lucro con fins sociais.

    • Cooperativas de Crédito

      Cooperativas que prestan principalmente aos seus socios.

    Activos Financeiros

    Son títulos que representan unha débeda do emisor e un dereito de cobro para o posuidor.

    Características Principais

    • Rendibilidade

      Beneficio esperado.

      • Renda fixa: Rendemento establecido de antemán.
      • Renda variable: Rendemento variable segundo beneficios da empresa.
    • Risco

      Probabilidade de non recuperar o diñeiro; menor risco con prazos curtos e boas garantías.

    • Liquidez

      Facilidade para converterse en diñeiro; o diñeiro en efectivo é o máis líquido.

    Mercado de Valores e Bolsa

    É o lugar onde se compran e venden activos financeiros (accións, bonos…). Permite conectar empresas e organismos que precisan financiamento con aforradores que buscan investir.

    Tipos de Mercado

    • Primario

      Véndense títulos novos por primeira vez (para conseguir financiamento).

    • Secundario

      Véndense títulos xa emitidos (aporta liquidez aos activos).

    Bolsa de Valores

    • É un mercado regulado que actúa como primario e secundario.
    • Os prezos dos títulos xa emitidos veñen determinados pola oferta e demanda (valor de cotización).
    • Índices bolsistas (como o IBEX 35) indican a evolución conxunta dos prezos de certas accións.

    Política Monetaria

    Política monetaria: Conxunto de medidas para controlar os xuros e a cantidade de diñeiro co fin de estabilizar os prezos e promover o crecemento.

    Tipos de Política Monetaria

    • Expansiva

      Aumenta a oferta monetaria e baixa os xuros → fomenta consumo, investimento, produción e emprego.

    • Restritiva

      Reduce a oferta monetaria e sobe os xuros → frea a inflación, pero tamén pode frear a economía.

    Autoridade Monetaria

    • En España: Eurosistema (Banco Central Europeo + bancos centrais da UEM).
    • O BCE decide a política monetaria; os bancos nacionais executan.

    Ferramentas Principais

    • Operacións de mercado aberto: Préstamos curtos aos bancos → controlan os tipos de xuro.
    • Coeficiente legal (de caixa): Obriga os bancos a gardar parte dos depósitos (agora 2%).
    • Facilidades permanentes: Préstamos ou depósitos diarios segundo as necesidades dos bancos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *